Edward Ricketts: o legado dun home sabio

Poderíase dicir que o confinamento non son as circunstancias perfectas para levar a cabo investigacións mariñas, onde se supón que debes realizar campañas en barcos, facer mostraxes en equipo ou tentar concentrarse nun laboratorio ateigado de persoas . Ben, nada máis lonxe da realidade. Durante a soidade se pode ler, e o máis importante, reflexionar sobre o que liches; dende a miña humilde opinión sempre pensei que esta era a mellor maneira de facer ciencia. E así foi como o descubrín!

 

Ed Ricketts

 

Durante o confinamento, unha noite que parecía ser unha noite máis, despois de rematar un libro de John Steinbeck -que sen dúbida está na miña lista de favoritos- pensei que non había nada mellor que facer naqueles tempos incertos que seguir gozando da súa literatura, e pensei que á mañá seguinte acudiría rapidamente ao meu ordenador para buscar outro libro que levase a súa sinatura. Puxen en Google “John Steinbeck” e nunha das entradas lin “biólogo mariño”, e aínda que o meu obxectivo era outro, decidín poñer o rato nese titular que tanto me chamou a atención. Que sorpresa marabillosa! Ese día lin un artigo no que se narraba que un dos mellores amigos de Steinbeck na súa etapa en Monterrei (California) era un biólogo mariño chamado Edward Ricketts, e que moitos non saben que foi o protagonista dunha das máis aclamadas obras de Steinbeck, o famoso Doc de Cannery Road. En palabras do propio premio Nobel, Ricketts marcou a súa obra literaria durante eses anos nos que compartían mesa, música e faladoiros, xa que “Doc escoitaba calquera tipo de despropósito e o trocaba por unha especie de sabedoría. A súa mente non tiña horizonte e a súa simpatía non tiña distorsión”. Incluso a paixón de Ricketts levou a Steinbeck a embarcarse con él nunha expedición mariña de seis semanas ao Golfo de California. Durante a viaxe,  percorrendo 4.000 quilómetros de costa, descubriron 35 novas especies mariñas, e ao ano seguinte publicouse o libro baseado na súa expedición -Mar de Cortez- que aínda que a sona a levou Steinbeck, foi escrito coa colaboración de ambos.

 

Pacific Biological Laboratories de Ricketts no 800 de Cannery Row

 

Edward Ricketts (Chicago 1897 – Monterrei 1945) certamente non era un biólogo mariño calquera. Con poucos cartos e financiamento, creou un laboratorio en Monterrei que conseguiría o maior arquivo de organismos mariños intermareais que habitan a costa oeste dos Estados Unidos; unha valiosa información que foi recompilada no seu marabilloso libro Between Pacific Tides. Pero non só iso o fai xenial; estableceu as bases da ecoloxía mariña e soubo levar os seus coñecementos científicos máis aló da propia bioloxía. Dedicou parte da súa vida a comprender todo o que o rodeaba, observando os organismos e as súas relacións de dependencia e predación. Chegou a ter unha visión holística do mundo que fixo que para el “non houbera diferenza entre un bo poema, unha peza musical interesante ou unha estrela de mar”. Nas súas palabras “a importancia das relacións entre os individuos e os seus ambientes -e tamén entre eles – está intrinsecamente relacionada con todo o demáis, e polo tanto, comprender a natureza significa discernir as relacións das súas partes constituíntes”.

 

 

1925. Teresa López, Mary Cal (María de la Luz Rodríguez de Cal), Irene Longueira (Irene Rodríguez de Longueira) venderon a Ricketts a sua antiga  fábrica de afumados a Ricketts que a convertiría no seu

laboratorio. (fonte: https://spanishimmigrantsintheus7.wordpress.com/)

 

Para montar o seu laboratorio, que tamén sería un lugar de encontro con científicos e artistas, Ricketts decidiu mercar unha fermosa fábrica de peixe onde poder traballar e debater con todos os seus amigos sobre como a bioloxía, a literatura e a música podían debuxar un futuro nesa sociedade incerta dos anos 30. E cal foi a miña sorpresa que esta antiga fábrica pertencía a unha familia galega -“as Longeiras”- que emigrou de Galicia a Monterrei a principios do século XX para rexentar unha fábrica de afumado. Como científica, amante da literatura e galega, creo que conseguín pechar un círculo marabilloso. Pero por suposto, grazas aos escritos que Ricketts nos deixou, poiden corroborar que a ciencia é algo que vai moito máis aló que publicar uns bos resultados.

 

Referencias

Ricketts, Edward. Breaking Through: Essays, Journals, and Travelogues of Edward F. Ricketts. By (Author), (Editor), (Editor), (Foreword), 2006.

Ricketts, Edward and Calvin, Jack. Between Pacific Tides. Standford University Presss, 1939.

Steinbeck, John. Cannery Row, 1945.

Steinbeck, John. Sea of Cortez: A Leisurely Journal of Travel and Research, 1941.