Foto: Termómetro no val da morte (California) Rtve.
Xa hai días que as costas galegas e todo o Atlántico oriental semellan unha pota chea de auga salgada a piques de ferver: perfecta para cociñar espaguetes, pero inadecuada para a vida mariña. Estes aumentos bruscos das temperaturas coñécense como ondas de calor mariñas e reflicten temperaturas inadecuadas da auga do mar para a época do ano na que nos atopamos.
Na costa atlántica de Galicia as correntes mariñas están asociadas ao réxime dos ventos, cuxa dirección, intensidade e persistencia determinan a circulación dominante. Como patrón xeral, os ventos do norte que soplan durante a primaveira e o verán moven a auga superficial da costa cara ao océano, sendo substituída por auga profunda e rica en nutrintes. A adición de nutrintes durante a época de maior insolación do ano nas capas máis superficiais desencadea a proliferación masiva de microalgas, que a pesar de ser invisibles para o ollo humano, fan desta rexión atlántica un dos ecosistemas mariños máis produtivos do mundo.
Mapa global que reflicte a anomalía de temperatura (ºC) dos meses de xuño e xullo de 2023 respecto ao valor medio.
Durante as últimas décadas estase a observar un cambio no réxime dos ventos na costa atlántica de Galicia. As series temporais apuntan a que a persistencia e intensidade dos necesarios ventos do nordés ten unha tendencia decrecente, o que sen dúbida provocará un cambio de circulación nas nosas costas. Se os ventos deixan de soprar -como está a suceder este ano- cesa a chegada de augas frías das profundidades oceánicas, as augas comezan a quecerse e o alimento se esgota. Este feito para o común dos mortais pode significar gozar dun baño en augas a 20ºC. Non obstante, as consecuencias para o ecosistema mariño poden ser desastrosas.
Poñamos como exemplo un sector tan estratéxico como o mexillón. A súa produción nas rías galegas rolda as 250.000 toneladas anuais e supón un movemento de capital duns 100 millóns de euros. Unha actividade económica desta magnitude depende enteiramente dos ventos do nordés que sopran nas nosas costas. O mexillón é un organismo filtrador, sendo capaz de filtrar 8 litros de auga do mar cada hora para captar as partículas orgánicas que hai na auga. O alimento de maior calidade para estes pequenos budas do mar son as microalgas e, polo tanto, a súa ausencia favorece que o contido cárnico dos mexillóns diminúa enormemente, cunha rendibilidade mínima. Ademais, a ausencia de ventos favorece a proliferación de microalgas tóxicas, as famosas mareas vermellas. Os datos científicos amosan que estes eventos están a aumentar en número e duración porque estas especies de microalgas están perfectamente adaptadas ás augas máis cálidas. Este feito suporá sen dúbida un aumento do número de días que se terá que suspender a explotación de mexillón.
Barco mexilloeiro na Ría de Vigo.
Por todas estas razóns, é vital para o noso futuro saber que as ondas de calor en terra e no mar son o resultado do noso modo de vida. Aínda que a información non chega ao gran público, a inxección de gases á atmosfera procedentes da queima de combustibles fósiles está a crear un manto de contaminación que non permite que a calor escape ao espazo, quentando a atmosfera e por suposto tamén os océanos. É coma se en pleno verán alguén nos dixese que con mantas durmiremos mellor e a pesar de suar e non poder durmir, insistimos en seguir dándolle a razón. Na miña opinión, esta postura é pouco intelixente, sobre todo tendo en conta que estamos hipotecando ás xeracións futuras a vivir nun mundo que non merecen.
Para saber máis:
www.marineheatwaves.org
https://psl.noaa.gov/marine-heatwaves/