Que teñen en común Moby Dick e as orcas ibéricas?

A novela Moby Dick foi descrita como unha das grandes xoias da literatura norteamericana do século XIX. Nin que dicir ten, que con este adxectivo achegáronse a ela moitos ávidos lectores, descubrindo coa súa lectura, non só unha novela de aventuras, onde o protagonista é un inmenso cachalote, senón unha obra mestra na que Herman Melville (Nova York, 1819- 1891) amosanos os sentimentos máis profundos da xente do mar, e déixanos como legado nas súas páxinas un dos mellores tratados sobre a maior industria baleeira do século XIX. Millas, tempestas, océanos, envexas, capitáns,…, todos son substantivos que identifican esta marabillosa obra, pero a novela carecería de sentido sen o eixo principal desta historia: a loita incansable do capitán Ahab para cazar a gran balea, que lle arrancara a perna esquerda hai anos. Moby Dick non era unha balea calquera, senón que tiña sinais distintivos que o facían única: unha aleta caudal rota e unha boca torcida. No noso imaxinario colectivo, este inmenso animal únese a megalodontes, leviatáns, krakens e outros seres que habitan as profundidades mariñas, converténdoos en seres monstruosos que pola súa capacidade destrutiva non deixan indiferente a ninguén.

Fotografía dun cachalote tomada do libro O coloso dos sete mares en www.amuraworld.com

Para crear a lenda de Moby Dick, Melville emprega todas as experiencias que viviu no mar, sendo a morte prematura do seu pai, o feito que lle fai alistarse por primeira vez na liña marítima Nova York-Liverpool. Dous anos máis tarde, ante as dificultades para atopar emprego estable, embarcouse de novo durante catro anos; esta vez nun baleeiro nos mares do sur. Foron todas estas experiencias as que permitiron a Melville presentarnos a vida dentro dun barco, pero sen dúbida, foi o afundimento dun barco baleeiro por un cachalote, a historia que lle inspirou para crear o “monstro” que deu lugar a súa gran obra mestra. Esta historia está detallada con gran precisión no libro No corazón do mar, publicado no ano 2015, onde o escritor estadounidense Nathaniel Philbrick conta a historia do “Essex”, un barco baleeiro que partiu do porto norteamericano de Nantucket en 1819, coa misión de capturar baleas e convertilas en aceite. Estas misións adoitaban durar un período de 2 anos, aínda que no caso particular que se relata no libro, a expedición trúncase aos quince meses, cando mentres navegaba no medio do Pacífico, o baleeiro foi atacado por un inmenso cachalote, véndose a tripulación obrigada a refuxiarse en tres baleeiras duns 8 metros de eslora. Moby Dick contén varias referencias detalladas ao ataque do cachalote, xa que Melville emprega as palabras do primeiro oficial do Essex para describir a gran balea branca: “todo resentimento, vinganza rápida, malicia eterna” antes de atacar o barco e mergullarse para percorrer a súa quilla dun extremo ao outro. Máis tarde, aínda que na novela Moby Dick o inmenso animal dirixe a súa atención ao baleeiro do capitán Ahab, a realidade foi que o cachalote macho de 26 metros atacou o barco por segunda vez, deixándoo totalmente inútil.

Segundo o profesor de investigación Hal Whitehead, experto en comportamento dos cachalotes e en bioloxía das poboacións, é posible que o cachalote atacase inicialmente a Essex por erro, e que este contacto molestase tanto ao animal que provocou o segundo incidente, que si da a impresión de ser un ataque. O mesmo pensaron moitos pescadores de cetáceos do século XIX, que recollen nos seus diarios de navegación o feito de que, a medida que aumentaba a pesca do cachalote, observábase neles un cambio de comportamento, “volvéndose máis inquietos e temerosos, e loitando por defenderse”. Podería parecer que a presión que se estaba exercendo sobre eles lles estaba a esgotar a súa paciencia e estaban aprendendo uns dos outros a tratar cos seus atacantes. De feito, non foi unha actividade menor: calcúlase que os baleeiros de Nantuquet e doutros portos norteamericanos capturaron 225.000 cachalotes entre 1804 e 1876.

Orca “xogando” co timón dun veleiro. Esta imaxe foi tomada do vídeo filmado polo equipo Jajo durante a regada Ocean Race.

Aínda que é certo que en boa parte da natureza son os xenes e o instinto os que marcan o comportamento dos animais, nos mamíferos mariños, como no ser humano, está comprobado que a cultura xoga un papel fundamental, e que as ensinanzas dos adultos poden influír dun xeito extraordinario nos comportamentos futuros da súa descendencia. Neste sentido, o profesor Whitehead publicou recentemente un artigo no que amosa como os cachalotes foron capaces de adaptarse rapidamente á presión que os baleeiros ían exercendo sobre eles. Para iso, analizou os diarios de navegación dos barcos baleeiros, e observou que a taxa de éxito ao arpónar cachalotes previamente avistados caeu un 58% nos primeiros anos de actividade. Este feito non podía explicarse pola competencia dos arponeiros, senón polo feito de que os cachalotes aprenderon, en menos dunha década, diferentes estratexias de defensa. A súa habilidade para comunicar o perigo a outros grupos coa ecolocalización, navegar contra o vento, realizar inmersións longas ou permanecer en grupo e atacar -do mesmo xeito que fan para defenderse das orcas- foron algunhas das causas do seu éxito, e demostran que as baleas aprenden unhas das outras, é dicir, teñen a capacidade de transmitir cultura.

A cultura e os mamíferos mariños lévanos sen dúbida a falar dos crecentes “ataques” de orcas na costa oeste da Península Ibérica. Aínda que o noso imaxinario colectivo podería levarnos de novo a pensar nas orcas cunha gran capacidade destrutiva, as interaccións que se están producindo entre orcas e veleiros apuntan a que as orcas poderían estar seguindo unha moda que se está a transmitir rapidamente entre os distintos membros do grupo, e polo tanto, como as nosas modas, pode ir e vir. Esta hipótese está baseada no feito de que as orcas nunca teñen un comportamento agresivo, senón máis ben “xoguetón”, como se pode ver no fantástico vídeo gravado pola tripulación dun veleiro nas proximidades do estreito de Xibraltar. Por iso é fundamental que os medios de comunicación non dispoñan dunha narrativa que induza cara a eles un comportamento agresivo, o que sen dúbida podería agravar a situación actual. É un feito que o número de interaccións cos barcos aumenta cada ano, pero non porque cada vez as orcas estean máis molestas con nós, senón porque, como outros mamíferos mariños, teñen unha gran capacidade para aprender uns membros do grupo dos outros.

Con todo este coñecemento, quizais deberíamos considerar onde vivimos e con quen compartimos espazo. É extraordinariamente importante comprender a estes animais fantásticos, porque como di o profesor Whitehead na súa charla Ted: “só entendendo como a cultura afecta á súa ecoloxía e á súa evolución, podemos comprender mellor as nosas culturas: non só o que significan, senón o feito de por qué as temos”.

Referencias

Libros
No corazón do mar. Nathaniel Philbrick. ISBN 978-84-672-6472-2
A travesía do cachalote. Frank Thomas Bullen. ISBN 978-84-182-2731-8
Moby Dick. Herman Melville

Artigos
Whitehead H, Smith TD, Rendell L. 2021 Adaptation of sperm whales to open-boat whalers: rapid social learning on a large scale? Biol. Lett. 17: 20210030. https://doi.org/10.1098/rsbl.2021.0030

Vídeo
Orcas. https://www.youtube.com/watch?feature=shared&v=E1rqcI2jULY
Whale culture: Hal Whitehead at TEDxHalifax. https://www.youtube.com/watch?v=9uyGXoMaXns