Foto: Praia Santa Marta (Baiona, Galicia)
Sei que este titular pode ser un pouco chamativo, e que despois da tempada de pellets, todos botarán as mans a cabeza. Antes de crucificarme, quería dicirvos que viña a falar doutra cousa: a responsabilidade da limpeza das praias por parte dos concellos.
Nos concellos turísticos galegos como onde eu vivo, é frecuente, por non dicir recurrente, que cando se achega a primavera ou a época turística, os buldozers e as palas escavadoras comecen a mover a area dun lado ao outro. Só podemos entender isto se temos en conta que a praia é só un lugar de lecer, onde a xente pon unha toalla na area -que ten que estar “limpa”- e se deita a tomar o sol. Por suposto, non quero dicir que tomar o sol está mal; mesmo me atrevería a dicir que é un acto san na súa xusta medida. Porén, quizais deberiamos preguntarnos por que para gozar da praia temos que destruír todo o ecosistema mariño que vive arredor dos nosos arenais. Alguén pode imaxinar ter que limpar o monte porque queremos ir a merendar? Ninguén exclamaría debaixo dunha árbore, que noxo, o chan está cheo de pólas! Pois quizais o teñamos claro no monte, pero aínda non na praia.
As praias son coma un ser vivo, onde o seu corazón latexa ao ritmo das mareas e das ondas. Nas praias todo se move a un ritmo marcado polas estacións e os cambios meteorolóxicos; pero sempre cunha velocidade onde a natureza marca o ritmo. Porén, os humanos, sempre querendo ser máis eficientes e rápidos, non somos capaces de entendelo. O noso calendario é unha loita perpetua contra o medio natural, xa sexa mover area ou facer un muro de formigón. A estas alturas xa deberiamos saber que esta forma de actuar normalmente non nos leva a ningures, e que se queremos progresar debemos conservar o noso medio natural. E se comezamos a ver as praias doutro xeito?
As praias, en xeral, e as de Galicia, en particular, representan un dos ecosistemas máis espectaculares do planeta. Neles, agochados entre a area e as rochas, viven organismos singulares, que contribúen a manter sans os nosos mares e o noso ecosistema mariño en perfecto equilibrio. Estas zonas costeiras onde a terra se atopa co mar, representan un dos lugares con maior biodiversidade do planeta, sendo, sen dúbida, un libro aberto no que coñecer o medio mariño. Quizais por iso deberíamos ver as praias como espazos naturais, non só como lugares de lecer. É fundamental considerar a flora e a fauna que habitan as zonas areosas como parte do noso patrimonio. Sen praias, quedarémonos sen unha das mellores representacións dun mundo, que no caso de Galicia, marcou e segue determinando a nosa forma de vivir: o mar.
Sei que alguén me vai dicir que este punto de vista está ben, pero non da de comer. Non podería estar máis en desacordo. O noso futuro está, sen dúbida, ligado ao benestar natural, e se non o entendemos, seguiremos arrasando as praias, esquecendo que a nosa economía depende do seu bo estado de saúde, fundamentalmente aquela economía que está ligada ao mar; sí, esa economía que inclúe a explotación dalgúns dos nosos produtos galegos máis emblemáticos, que por outra banda, atraen a aqueles turistas que veñen a visitarnos, aínda que algúns deles aínda afirmen que queren ver a praia “limpa”.