Un meteorito directo a Doñana

Fotografía: Non mires arriba/ Netflix.

En palabras do Ministerio de Transición Ecolóxica do Goberno de España: “O Parque Nacional de Doñana é un mosaico de ecosistemas que albergan unha biodiversidade única en Europa. Destacan sobre todo as marismas, de extraordinaria importancia como lugar de paso, de cría e invernación para miles de aves europeas e africanas. No Parque habitan especies únicas e gravemente ameazadas, como a aguia imperial ibérica e o lince ibérico. Doñana é a confluencia dun conxunto de ecosistemas (praia, dunas, cotos, pantano.. .) que dan a este Parque unha personalidade única”.

Se facemos caso a estas palabras, resulta cando menos chocante que o goberno andaluz presente unha proposición de lei que permita a legalización dos pozos perforados nas inmediacións do Parque Nacional para “abastecer aos agricultores”. É obvio que isto non é trivial. Todos sabemos que cando un debate destas características se plantexa como opción entre a protección da natureza ou os postos de traballo, a opinión pública inclinarase por estes últimos. Dun xeito ou doutro, a realidade é que a marisma do maior humidal de Europa está a secarse.

Dende a década de 1980, científicos de todo o mundo advertiron de que o quecemento global nos levará a un desastre humanitario sen precedentes. A queima de combustibeis fósiles está a provocar que a concentración de CO2 na atmosfera aumente sen fin, acadando valores moi superiores aos que caracterizaron a atmosfera terrestre durante os últimos centos de miles de anos. Neste sentido, esta mesma semana, a estación meteorolóxica de Mauna Loa rexistrou un novo valor récord, e a comunidade científica volveu lanzar un SOS. Sumado a este feito, unha das máis prestixiosas institucións científicas estadounidenses, a Axencia Nacional Oceánica e Atmosférica (NOAA) tamén alertaba esta mesma semana de que o océano global se está quentando a un ritmo sen precedentes.

Non nos enganemos, un mundo máis cálido significa menos auga, e menos auga significa menos comida. No último informe do Panel de Cambio Climático (IPCC), froito deses cumios aos que os nosos gobernantes asisten con orgullo, presentáronse datos científicos que pronostican o aumento da temperatura e a falta de humidade en boa parte do planeta nas vindeiras décadas. Sobra dicir que en Europa os datos máis alarmantes corresponden aos países do Sur. Oh sorpresa, España está no sur de Europa! Neste informe, elaborado expresamente para que os nosos gobernantes comprendan (e para que tomen as medidas oportunas), expóñense os riscos aos que nos enfrontaremos, que sen dúbida están moi relacionados coa falta de auga: colleitas fallidas, temperaturas extremas, inundacións. . . Ademais, este informe fala das zonas de risco e tamén presenta as posibles medidas de adaptación.

Poderiamos dicir, polo tanto, que temos a información, e aínda que os medios de comunicación seguen falando de “seca” ou de “ano anormal”, non poderemos evitar ter que vivir nun mundo onde o incremento de eventos extremos e os problemas de abastecemento de auga corroborarán o que moitos científicos pronosticaban fai máis de 40 anos. Ogallá algún día os gobernantes lle digan á cidadanía algo así: “Andalucía está a sufrir as consecuencias do cambio climático, e se non tomamos as medidas necesarias para frealo, destruiranse moitos máis postos de traballo dos que se poden perder ao pechar os pozos que beben do Parque Nacional de Doñana”. E se non me creen, por favor non miren arriba!

Referencias:

– Datos CO2 estación Mauna Loa (Hawai). https://keelingcurve.ucsd.edu/

– Institución NOAA. https://www.ospo.noaa.gov/Products/ocean/index.html
– Sexto informe do Panel do Cambio CLimático (IPCC, Suíza Marzo 2023). https://www.ipcc.ch/report/sixth-assessment-report-cycle/
– Película “Non mires arriba” https://www.youtube.com/watch?v=kWkUg22UbVg