Un novo turismo que nos axude a protexer o noso territorio

Hai anos que son moitas as voces que consideran que o turismo está cambiando, que a xente que decide visitar un territorio busca algo máis que loitar por poñer un parasol na praia. Isto quizais faga que algunhas ofertas turísticas da costa española estean obsoletas e representen un turismo onde a excelencia quedou esquecida. De ser certo este feito, Galicia está nunha posición destacada na saída cara un novo turismo, polo que debería ser a nosa obriga preservar e coidar un patrimonio natural que poida ser o sustento de moitas familias.

Eu son científica mariña e non son experta en turismo, pero puiden corroborar que os lugares máis destacados para visitar a natureza son aqueles nos que se restrinxiu o acceso, poñendo nun primeiro termo a conservación. Vin un gran exemplo en Nova Zelandia, onde o turismo de calidade e respectuoso co medio ambiente propicia nos visitantes unha sensación de privilexio por poder pisar un dos lugares máis espectaculares do planeta, facéndoos parte da inmensidade da natureza e provocando neles un sentimento de gratitude por ter vivido uns días nun lugar próximo ao paraíso. Lonxe de ser un obstáculo para o negocio turístico, o control de accesos xerou por todo o país unha rede de empresas selectivas e respectuosas co medio ambiente, que reciben un total de 960.000 visitantes ao ano e xeran uns ingresos de 10.000 millóns de dólares anuais.

Un gran exemplo en Galicia de como unha restrición de acceso pode converter un espazo natural nun lugar que é foco de atención mundial son as Illas Cíes. Para os que non as coñezades, estas illas pertencen ao Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, que coas súas 8.480 hectáreas de espazo protexido converteuse nun punto de gran interese turístico dende o ano 2002. Un dos principais motivos para a creación deste parque foi a protección da flora e fauna mariña, así como do patrimonio inmaterial que se desenvolveu arredor do mar. Nin máis, nin menos! A pesar diso, o slogan máis empregado ata a data é: ven visitar a praia máis fermosa do mundo! Sen dúbida, como slogan está ben, e é indiscutible que conseguiu aumentar o número de visitantes. Porén, ás veces pregúntome cantos deses visitantes cargados cos seus refrixeradores de praia son conscientes de que se atopan nun lugar especial, que hai que conservar e respectar como un deses poucos espazos naturais que non foron alterados pola man do home. Supoño que este debate xa existe, pero non sei moi ben a que niveis. As administracións públicas deben liderar o modelo turístico que queremos para Galicia e ter en conta que ás veces o pan de hoxe é a fame de mañá. Deberiamos propoñer un turismo de calidade onde as persoas que pensan visitarnos nos vexan como un lugar único no mundo, onde nós, os habitantes sinalemos a grandeza do noso territorio e sexamos conscientes de que contamos cun ecosistema mariño comparable a un tesouro que foi abandonado neste paralelo para poder coidalo e mostrarllo con cariño a quen queira aprecialo. É aquí onde os científicos temos un papel fundamental e podemos axudar co noso coñecemento a transmitir a idea de que a conservación do medio natural é importante e fundamental para a nosa supervivencia.

Ás veces pensamos en nós mesmos como super heroes que non formamos parte do planeta, pero quizais en pouco tempo o cambio climático deixará de darnos a razón. Por iso debemos afrontar o reto de protexer o que temos, o pouco que nos queda xa; só así poderemos deixar un pouco de esperanza para as xeracións vindeiras, e mentres tanto xerar riqueza no territorio baseada no respecto a un medio natural, que non só é duns poucos, senón que é de todos.