Como afrontar a emerxencia climática: ciencia e activismo

Con moita probabilidade creo que a maioría de vós o ler este titular responderíadesme: Estou canso de escoitar a políticos advertir sobre o cambio climático! O único que che podo dicir é que eu tamén estou un pouco farta, pero quizais a diferenza entre ti e mais eu é que no meu caso particular, despois de investir 20 anos da miña vida no estudo do océano e do clima, atreveríame a afirmar que: o cambio climático é real e todos o sufriremos! Gustaríame explicar o porqué.

Comecemos preguntándonos dende cando hai evidencias de que o quecemento global é provocado polo home. Alá polo ano 1985, o astrónomo Carl Sagan pronunciou un memorable discurso no Congreso dos Estados Unidos no que advertía de que un sistema económico baseado na queima de combustibles fósiles provocaría unha distorsión no equilibrio planetario, que talvez non sufriría a xeración gobernante, pero causaría moita dor á súa amada descendencia. Plantexaba desta maneira o maior reto ao que se enfrontaría a humanidade: actuar globalmente para evitar o sufrimento das xeracións futuras.

 

Carl Sagan testificando ante o Congreso dos Estados Unidos en 1985 sobre o cambio climático (Ver vídeo en: https://www.c-span.org/video/?125856-1/greenhouse-effect)

 Máis de 35 anos despois, a súa perfecta explicación segue sendo foco de debate político; un debate no que cada un semella pensar en si mesmo, e no que os países ricos poderían parecerse ao condutor dun Ferrari acelerando alegremente cara un precipicio. Quizais algúns pensen: polo menos unha vez na miña vida conducín un Ferrari; non obstante, os científicos suxerimos que probablemente o mellor sería camiñar e gozar das vistas.

Entre toda a desinformación que existe sobre a emerxencia climática, por moito que se queira xerar debate sobre os datos, atrévome a afirmar que o consenso científico pode ser a envexable para quen defende unha causa xusta. Miles de científicos de todo o mundo puideron corroborar as palabras do doutor Sagan, e grazas á súa colaboración elaborouse un informe no que se pode ver claramente cales serán os escenarios climáticos para o ano 2050, onde os eventos extremos como secas ou inundacións serán unha nova normalidade debido ao vertixinoso aumento da temperatura a nivel planetario. Moitos migraremos, porque as temperaturas superarán o límite no que é posible a vida; moitos abandonaremos as nosas casas, porque estarán en zonas inundables; moitos teremos que deixar atrás a nosa terra, porque xa non será cultivable e moitos de nós teremos que fuxir a un lugar onde a auga será sen dúbida o ben máis preciado.

 

Modelo de temperaturas planetarias para o ano 2050 en función do quecemento global (Fonte: Informe IPCC 2021)

A publicación deste informe, cuxo titular foi “Alerta vermella para a humanidade”, foi o punto de partida do cumio sobre o cambio climático celebrado en Glasgow en outubro do ano pasado; con todo, non acadou os resultados esperados. Obviamente, este informe publicouse para que as clases políticas puidesen tomar decisións, e para que entre todos aqueles que teñen o poder de dirixir as nosas vidas debatesen como podemos facer que a humanidade siga acadando logros memorables; con todo, parece que aínda preferimos conducir un Ferrari cara o precipicio. Neste contexto, resulta curioso sinalar que os países “ricos” asistentes ao cumio acordaron reducir o gasto enerxético baseado en combustibles fósiles para o ano 2050, mentres que, as grandes corporacións que explotan estes recursos estiman que ao redor do 2050 se esgotarán. Este cruzamento de datos, polo menos paréceme desconcertante. Partindo da hipótese de que se se achega un desastre hai que tentar solucionalo canto antes, ás veces penso que, igual que no océano, non hai fronteiras entre a política e o diñeiro.

 Quizais podería estar equivocada pero non debemos deixar de estar alerta e ser perseverantes. Cumprir o reto de frear o quecemento global podería ser o maior logro de toda a historia da humanidade. Podemos incluír aos nosos fillos ou a todos os que amamos nesa humanidade; porque amar, ámase igual en Nova York, en París, en Brasil ou en Uganda. Por iso, sería conveniente que esixamos cambios, e que nos manteñamos firmes contra as mentiras de quen quere seguir facendose rico, aínda que estea disposto a facelo nun planeta inhabitable.